Blogger Template by Blogcrowds.

Valmont

Unha das películas que vimos por estar baseada nun libro foi "Valmont". Deixamos a opinión máis crítica dun alumno do club, posto que o resto coincidía máis nos seus gustos.



1. Ficha técnica


  • Nome: Valmont
  • Director: Milos Forman
  • Produtores: Michael Hausman e Paul Rassam
  • Actores principais: Colin Firth, Annette Bening, Meg Tilly, Fairuza Balk e Henry Thomas
  • Director de fotografía: Miroslav Ondříček   
  • Ano: 1989
  • Premios: Oscar ao mellor deseño de vestuario (nominación)
  • Autor da música: Christopher Palmer
  • Xénero: Romance e drama

2. Análise da linguaxe cinematográfica


Cando ante min se presenta a labor de analizar a interpretación dos actores nunha película que non vexo en versión orixinal, gusto de distinguir dúas interpretacións; por un lado temos a dos actores que vemos, que neste caso e máis que correcta, e por outro temos a interpretación dos actores que escoitamos, dos actores de doblaxe, lamentablemente, nesta película estes últimos deixan un pouco que desexar…


En canto á música… Ben, esquecendo por un momento os meus gustos musicais máis actuais, debo recoñecer que tamén gozo das fermosas pezas interpretadas por instrumentos máis clásicos, así pois, atopo nas bandas sonoras das películas históricas unha verdadeira delicia para os meus oídos que non deixan nin por un segundo de alegrarse ante tan fermosa sinfonía.

3. Análise dos valores que se presentan.


O argumento en si é bastante plano e non podo nel atopar aspectos sociais positivos ou negativos pois non é especialmente destacable no filme. Simplemente cóntase unha historia que entretén pero que non tenta ir moito máis alá.


Os personaxes principais, por outro lado, son guiados por dúas razóns distintas; mentres que a parexa de mozos deixase levar polo amor, os adultos son levados polos intereses e polas baixas paixóns que só traen traizóns e enfrontamentos.


Como xa comentei noutras análises, non considero oportuno emitir xuízo algún sobre a visión creativa doutras persoas pois as interpretacións poden ser diversas e variadas e todas no seu interior gardan algo de fermosura e de valor.


4. Análise da estética


Lamento afirmar que a idea central pérdese nunha morea de enredos que dificultan a visión dun argumento xeral que vencelle todos os temas que se están a tratar na película. Triste é isto pois preséntase un argumento nun inicio interesante mais este vai perdendo forza conforme avanza a película e no remate, aínda que este sorprenda polas numerosas sorpresas, o interese polo destino dos personaxes e da historia é mínimo.


Unha verdadeira lástima pois a historia está ben levada e carece de calquera contradición que poida rematar resultando na inverosimilitude do argumento; por outra banda, o ritmo é lixeiro e permite presentar novidades continuamente aínda que estas carezan de interese para o espectador.

5. Analiza a mensaxe


Sinceramente, esta película non conseguiu prender o meu corazón con lume, máis ben frío deixoume. Nada en min deixou pegada e ningún dos personaxes me fixo verme reflectido; unha verdadeira mágoa pois, como xa se mencionou anteriormente, parecía esta unha película moi prometedora e de fermosura sen igual mais parece que a película non estivo a altura das promesas que se presentaron ao inicio.

0 Comments:

Post a Comment



Publicación máis recente Publicación máis antiga Inicio