Blogger Template by Blogcrowds.

 No club de lecturas científicas comezamos neste terceiro trimestre con este libro de  Vicente Muñoz Puelles que publica a editorial Anaya:






Como introdución ao libro vimos esta presentación e falamos da viaxe que durou 5 anos a bordo do famoso Beagle, barco da Armada Británica.
Como el dicía que o home descende do mono, chegaron a ridiculizalo e publicaron imaxes del co corpo dun mono e a súa cabeza.





Un relato que conta a historia dunha familia constituída por un rato que domina a muller; pero cando ocorre unha catástrofe é a femia quen dá a solución aos problemas, a que dirixe a situación e entón cando o lector ou a lectora comprende que o rato era puro fume; ou sexa, desvalorízase a figura paterna para pór en valor a materna. Unha vez máis, o libro serve para amosarnos a desigualdade existente na realización das tarefas domésticas e as responsabilidades da vida cotiá.


Desta volta xuntámonos o día 30 de abril tres clubs de lectura arredor de Señal, de Raúl Vacas: o club de lectura de poesía do IES Laxeiro, o club de lectura de igualdade do mesmo centro e o club de adultos. Toda unha experiencia estética arredor dun libro de poemas e arredor dunha persoa única. Tan intensa foi que nos esquecemos de realizar fotografías.

Señal está publicado pola editorial Mundanalrüido e conta cunhas magníficas ilustracións de Sara Morante, diálogo perfecto co texto. Dividida en tres partes, cada unha dela aborda os tres grandes temas da Literatura, o amor, a morte e a vida.
Sobre o amor e o sexo, lemos imaxes cargadas de sensacións, de cor, unha introdución fresca ao impulso sexual e audacia no ronsel da paixón. O contraste entre o que foi intenso e xa non o é, o baleiro, a morte do amor que foi... O mundo unifícase en torno a un ser simbólico. Apreciamos tamén a entrega total do ser amado máis alá da vida, "amor máis alá da morte" como en Quevedo. O amor na vellice é permanecer xuntos na hecatombe final, entrañable final feliz dos contos que celebran o encontro amoroso.
Na segunda parte, a voz poética pregúntase como explicar o inexplicable, ás veces ocorre o máis terrible, existe unha procura infructuosa que condena os amantes á morte, aínda que o amor case a vence; pero hai que aprender a afastarse cando hai un erro, cando queda o baleiro despois do amor, non hai lugar para enterrar as bágoas.
Na terceira e última parte, a morte. A soidade, a terra baleira, a incertidume, a obstinación por regresar. Lemos tamén o retorno á absoluta laxitude do gozo uterino, previo á vida humana; mesmo unha exposición de hipóteses e desexos. No baleiro amoroso medran a morte e a devastación, unha loita de contrarios no propio ou alleo sexo.

Raúl Vacas falounos de que é necesaria a visión literaria para falar de morte e de sexo, temas que na vida cotiá ocúltanse nas conversas. Tamén comentou como influíran os seus autores preferidos na escrita deste libro: Alejandra Pizarnik, Dámaso Alonso, Rafael Pérez Estrada, Rafael Alberti, Leopoldo Panero... O libro está feito á súa medida, por ser o seu proxecto máis persoal. Afástase da rima e de estruturas métricas, xa que non hai límites á hora de escribir.
Falou tamén da poesía en xeral. De que non hai que traducir de xeito literal cada verso, xa que o poema o que quere é transmitir sentimentos. Non cómpre entendelo todo, só debemos dialogar coa poesía: "ha hecho mucho daño la solemnidad en poesía"; poesía como invitación a vivir, con intensidades diferentes, a recuperar, a xogar.
E por suposto, comentou tamén a falta de palabras para falar de amor, de sexo, da pouca naturalidade coa que se tratan temas como o da morte.
LER TEN QUE VER CON ELIXIR.



No club de lecturas científicas achegámonos a este libro que fomos lendo nas reunións para ilo comentando, dado o tema a tratar. É unha guía para comezar a adolescencia, que conta con información precisa e experta que ofrecen consellos. Aínda que algúns temas a tratar semellan obvios ou xa están superados -ou iso cremos- resultou ser unha lectura moi práctica que nos introduciu no noso propio mundo.




No trimestre negro do instituto non podiamos ser menos, e achegámonos a este libro dun galego, Miguel Anxo Fernández.





Este mes seguimos coas lecturas pola Igualdade. Esta é unha historia sobre unha tribo moi singular onde as bonobas andan ocupadísimas para que eles coman e pasen o día sen nada que facer. Tanto traballaban que non tiñan dereito a aprender... o que aprendían con só escoitar. Pero, iso si, sen dereitos. E como todo cansa, as bonobas decidiron reberlarse e cambiar de vida.
Un álbum que constiúe un fermoso alegato reivindicativo do papel loitador da muller, superando unha sociedade machista que establece límites absurdos sobre os roles de ambos sexos: unha socidade machista que se permite establecer o destino de cadaquén sen preguntar nin respectar.

E seguimos! É o turno de:



 Agora máis ca nunca volvemos ter unha educación machista e rosa, unha volta atrás a etapas que as mulleres criamos superadas. Non só a publicidade, senón a política, a sociedade actual, volve a tinguirnos de rosa, a desexarnos un só futuro: amas de casa e princesas. Por iso libros coma este son tan necesarios.
Porque semella que a involución que estamos a sufrir non importa a ninguén. Inculcar ás nenas que deben coidar do fogar e da súa figura, esquecéndose de toda forma de emancipación, é arestora algo natural. Os xoguetes son rosas. A roupa é rosa. O pensamento é rosa... E hai miles de libros de cor rosa. E esta tonalidade plantéxase como unha opción cando é unha imposición. Sen autonomía, dende o berce, as nenas son educadas e encamiñadas nun pensamento único e colonial.


No segundo trimestre lemos El teorema del loro, unha historia de intriga matemática para resolver un enigma. A actividade realízase do mesmo xeito que na primeira avaliación, xa que o alumnado de 4º de ESO necesita as oportunas explicacións para seguir a lectura deste libro que vén a ser máis complicado có primeiro do primeiro trimestre.

No mes de marzo, non podía ser doutro xeito, buscamos álbums sobre a igualdade. Por suposto, un dos escollidos non podía ser outro ca este, Mujeres de Isabel Ruíz, todo un descubrimento:



18 mulleres -difícil tivo de ser a escolla- que forman parte da historia por mérito propio e que moitas veces son esquecidas por seren, simplemente, mulleres: Hipatia, Concepción Arenal, Marie Curie, Florence Nightingale, María Montessori, Alice Guy-Blaché, Isadora Duncan, Virginia Woolf, Clara Campoamor, Amelia Mary Earhart, Margaret Bourke-White, Frida Kahlo, Hellen Keller, Dian Fossey, Rosa Parks, Gertrude Ederle, Irena Sendler e Miriam Makeba. Ou sexa, temos mulleres poetas, pintoras, científicas, políticas...
As ilustracións van acompañadas dunha frase nas que falan de si mesmas, do seu xeito de ver o mundo, da lección de vida que supón a súa propia loita. Asemade, unhas notas biográficas para sabermos a quen temos en cada páxina.
Un proxecto que loita por visibilizar aquelas que son invisibles nesta nosa sociedade patriarcal.

Comezamos coas lecturas pola igualdade con este álbum:



 Necesario é  falar de igualdade, de muller que non se somete ao home, de liberdade, de crer nunha mesma... un álbum que denuncia a discriminación e combate estereotipos que, desgrazadamente, inda existen. Todo isto se agocha tras estas dúas tartarugas chamadas Artur e Clementina que ideou Adela Turín hai máis de trinta anos e que está ilustrada por Nella Bosnia que publica Kalandraka. Un libro que non debe faltar nas escolas e nas casas para axudar nunha educación igualitaria que debe seguir cada día nunha loita continua, xa que a guerra non rematou nin está vencida.



Achegándonos ao mundo do narcotráfico...





Convidounos o Concello a participar canda eles nunha homenaxe a Rosalía e non nos fixemos de rogar. O noso club de lectura de poesía participou lendo pomeas tanto da autora como doutr@s poetas que lle adicaron a ela poemas de seu. Resistimos baixo a choiva ante o monolito que está no parque de Loriga.
Antes de participar, lemos para a escolla propia, unha antoloxía poética da obra rosaliá e buscamos poemas doutros autores e autoras que lle dedicaran os seus textos á nosa máis grande autora de todos os tempos. 
Foi unha xornada moi emotiva onde nos sentimos protagonistas! 








Co club de lecturas ilustradas falamos desta volta de racismo e fixémolo con este álbum imprescindible publicado por Barbara Fiore: El autobús de Rosa fala de Rosa Parks e dun simple xesto: negarse a erguerse nun autobús cando "debería" facelo por lei porque os brancos eran os que tiñan dereito ao asento e non os negros. Pero ela estaba cansa e decidiu, pasivamente, e sen aspaventos, negarse.
A historia é contada por un avó ao seu neto, un avó que foi testemuña da heroicidade e que se sente culpable porque el comportouse coma un covarde por ter, simplemente, medo ás consecuencias. Algo tan normal cando sabemos que daquela calquera acto de insumisión contra os brancos podía ter consecuencias chegando mesmo ata a morte.
Rosa Parks, un faro que nos debe guiar.



O segundo libro que  reuniu ao Club de Lectura Científico foi  A evolución de Calpurnia Tate, libro que gustou unanimemente e que chamou a atención por dúas cousas: a educación das nenas como "criadas" e a imposibilidade do acceso á educación científica por seren mulleres.
E un avó que ensina a pensar! Ademais, o amor polos libros.

O club de lecturas poéticas introduciuse no universo de Rosalía Fernández Rial con este seu libro


Un libro que mestura verso, prosa poética e teatro e desde o punto de vista temático temos que a velocidade, o erotismo e o sexo son os principais compoñentes do libro. Unha lectura que ao alumnado resultoulle sumamente desconcertante, todo hai que dicilo, o que non significa que non acabase gustando da poesía.

Eros mestúrase coa velocidade, a condución, a marcha atrás, o desexo, o sexo... e aí radica a orixinilidade dos poemas, poemas eróticos que se confunden nos derrapes accidentais da estrada, que envolven a pel entre olores de derrapes e goma queimada, que saben a animais salvaxes mentres miramos dende a outra marxe.

Publicacións máis recentes Publicacións máis antigas Inicio