O club de lectura clásico en 1º de Bacharelato contou con 10 mozas. Tentamos ler clásicos con perspectiva de xénero, e sobre todo coidamos que as lecturas sexan en galego se existe a tradución. Sorte temos que agora hai moitas editoriais que coidan este tema no noso país!
Este libro gustoume especialmente porque trata temas que seguen a ser actuais, como o orgullo, os prexuízos e a tendencia a xulgar ou intervir nas vidas dos demais sen coñecer a fondo as súas
emocións. O personaxe de Emma é complexo: ao principio pode parecer antipática
polo seu carácter dominante, pero iso é precisamente o que fai que a súa evolución
sexa tan interesante. A medida que se decata dos seus erros, vaise facendo máis
humana, máis próxima ao lector. Un exemplo que me marcou foi cando Emma
humilla sen querer a Miss Bates durante unha excursión; é un momento incómodo,
pero tamén clave para mostrar que Emma comeza a entender que as súas accións
teñen consecuencias. Tamén me encantou a relación con Mr. Knightley, porque non
é un amor idealizado, senón que medra a partir da amizade, do respecto e da
sinceridade, algo pouco común en moitas novelas románticas.
Ademais, a ironía sutil con que Jane Austen retrata á sociedade da época fixo que a
lectura fose tanto divertida como crítica. A través dos costumes, das clases sociais e
das limitacións impostas ás mulleres, Austen fainos reflexionar sen perder a
elegancia nin o humor. Por todo isto, Emma pareceume unha lectura valiosa e
enriquecedora.
Asemade, algunhas mozas leron libros independentes para logo facer unha recomendación no club.
Ningún de nós ha volver:
Este libro foi unha experiencia que me deixou cun nó na gorxa. É un libro que nos move por dentro. A historia cóntase con total sinceridade, sen filtron nin adubíos. Fálanos directamente desde un lugar profundo de dor. Son fragmentos de recordos, de sensación, poesía que golpea. Sentimos o frío, o medo, a fame, e mesmo unha pequena esperanza que se agocha nunha ollada ou na sororidade entre mulleres.
Fíxome pensar en todo o que hoxe damos por sentado. Como nos queixamos de cousas mínimas, mentres elas loitaban por sobrevivir só un día máis. Este libro non é doado de ler, pero creo que debería ser de lectura obrigatoria. Porque, ademais de aprender sobre o Holocausto, fai que comprendas de verdade o que foi. Non con datas, senón con humanidade
Orgullo e prexuízo:
Cando empecei Orgullo e prexuízo, pensei que ía ser outro libro anticuado cheo de bailes e amoríos esaxerados. Pero sorprendeume. Detrás de toda esa atmosfera de vestidos longos e modais estritos, hai unha historia que aínda hoxe ten moito que contarnos.
Elizabeth Bennet, a protagonista, parecía moi adiantada ao seu tempo. Non é a típica rapaza que só quere casar ben e punto. Ten carácter, pensa por si mesma e non se deixa influenciar polas aparencias. E iso é fundamental, porque todo o libro trata precisamente diso: de como os prexuízos (como o que ten contra Darcy) e o orgullo (como o de Darcy ao principio) fan que xulguemos mal aos demais.
Tamén me gustou que Jane Austen critique sutilmente a sociedade na que vivía. Na súa época, as mulleres practicamente tiñan que casar para sobrevivir, e con todo Elizabeth non se conforma con nada. Espera algo real, con respecto e amor, non só unha boa posición social.
O estilo do libro pode ser un pouco lento ás veces, pero unha vez que te conectas decátaste de canto de intelixente é todo o que escribe Austen. Ten ironía, crítica social e personaxes que parecen reais, aínda que viviron hai máis de 200 anos.
En resumo, Orgullo e prexuízo é moito máis que unha historia de amor. É unha lección sobre como vemos aos demais e a importancia de ser ti mesmo, mesmo cando o mundo espera algo diferente de ti.
0 Comments:
Publicación máis recente Publicación máis antiga Inicio