Blogger Template by Blogcrowds.

Proponnos Raquel Díaz Reguera en Cuando las niñas vuelan alto publicado por Lumen o empoderamento das nenas, a forza necesaria para sermos o que nós queiramos ser, sen impedírnolo polo mero feito de nacer mulleres. Por iso, debemos tirar as pedras que polo camiños as diferentes trampas sociais nos van poñendo, e seguir o noso camiño igual de lixeiras. Porque temos os mesmos dereitos, porque podemos chegar a onde queiramos, loitemos por facer os nosos soños de futuro realidade. Iso é o que aspiramos.




 O libro resulta moi sinxelo de ler e non se fai para nada longo, xa que o importante é o contido e por iso non topamos unha prosa chea de florituras, o que si temos é ironía, humor, denuncia social, política e moito feminismo. Esta parte é a máis importante e conséguese que forme parte dunha historia de amor de xeito natural, dun xeito eficiente. A moza protagonista é máis que crible: afoga entre a seguridade exterior, con ideas moi claras, e as fraquezas interiores que a agobian e que pretende ocultar... ata que no pode máis. De aí o título, posto que a esta muller está chea de inseguridades, de medos, de decepcións... O normal nunha moza nova. Como o é o feito de estar namorada e pensar que todo pode derrubarse se ese amor fracasa, porque o amor é o que sostén a vida, non a propia persoa. De aí xorde o conflito. Paga a pena recalar nos personaxes que pululan arredor da protagonista, sobre todo a figura do pai, moi chamativa, e as amizades que vai facendo polo camiño. Por suposto, a autora aproveita para deitar crítica social nas súas páxinas, ferímonos coas aristas que nos ensina e aprendemos coas súas referencias feministas: así que acertamos de pleno ao escollela como lectura dos nosos clubs de lectura feministas.



 
 Un álbum para descubrir 12 mulleres que os libros de Historia agochan, unha vez máis, como adoita ocorrer porque esa historia está escrita polos homes. E aínda que o meu pensamento sexa "ogallá que en lugar de 12 falase de moitas máis!!!", temo que aínda así estas doce mulleres constitúan unha descuberta para moita xente. Así que benvida a publicación deste libro na nosa lingua e con protagonistas da nosa terra. Canto cómpren este tipo de publicacións!  Un deses libros que deben estar en lugar destacado de toda biblioteca escolar, sen ningunha dúbida. Mercalo podería considerarse obrigatorio.
Falamos, pois, de doce biografías de mulleres pertencentes a diversas áreas profesionais como son o xornalismo, a medicina, a literatura, o fútbol, a música ou os avances científicos. Todas elas, claro está, desenvolven ese traballo nunha contorna opresora, hostil, contraria ao seu desenvolvemento profesional. De aí que se convirtan en modelos de esforzo e de valentía, porque ser pioneira non é cousa doada, porque resistir a incomprensión da sociedade non é tarefa ao alcance de calquera.

  Sirenas de Jessica Love, publicado por Kókinos, é un álbum para rachar con estereotipos -masculinos e femininos-, para falar de diversidade, contado dende a sensibilidade e converténdose en exemplo de tolerancia. Máis que o texto -mínimo-, son as ilustracións -que rebordan cor- as que nos iluminan coa intención do libro. Un libro que se converte, por tanto, en instrumento esencial para falar coa normalidade debida de transexualidade.

Publicacións máis recentes Publicacións máis antigas Inicio