Este é o terceiro curso que lemos xuntas. Foron descolgándose algúns nenos pero tamén foi aumentando o número de nenas. Len e gozan da lectura, pero sobre todo gozan recomendándose entre elas as súas lecturas, por iso é difícil manter a proposta dun só libro para todas e prefiren ler ao seu xeito para logo compartir as súas opinións nas reunións. Ademais, dos libro lidos tivemos a sorte de contar con Fernando Domenech, tradutor de "Siluetas na area" quen deixou escrito:
A primeira vez que crucei o limiar do IES Laxeiro, non o fixen por pracer nin porque o buscase especialmente, máis ben todo o contrario. Pero unha cousa son as circunstancias da vida e outra as persoas que podes atopar grazas a estas. O caso é que de alí a pouco, fun dar coa fantástica bibliotecaria do centro, Gracia Santorum, que me ilustrou sobre a tradición literaria do centro, con visitas dos más importantes escritores galegos retratados nunha envexable galería, me mostrou o "Vestíbulo de Igualdade" (parte da biblioteca centrada nesa temática que ocupa á entrada á parte antiga do centro), o fabuloso mural pintado por Laxeiro, e as múltiples actividades realizadas polo alumnado, que ocupan os corredores da zona moderna do instituto, e demostran unha participación e unha implicación diría caseque febril.
Tamén tiven ocasión de dedicar para o centro un exemplar de "Siluetas na area", pois a biblioteca (pertencente a @bescolaresgal) está abonada ás coleccións de #RinoceronteEditora, e foi nese momento cando prometín a Gracia que pasaría a comentar a obra co club de lectura do alumnado cando eles quixeren. Pois esta promesa fíxose realidade esta semana, e dígovos, de corazón, que foi unha das experiencias máis fermosas ás que me deu pé este libriño, que tantas me vén dando. Atopei unhas alumnas galegofalantes de seu, cun galego precioso, agudas e penetrantes lectoras malia a súa curta idade, que mostraron un gran aprezo pola lectura dos relatos de #isabelleeberhardt. Mesmo atopei unha moza alxeriana residente en Lalín que falaba perfectamente galego, e que se mostrou entusiasta coa nosa escritora: "unha raíña, encántame", dixo.
As fotos adoitan ser unha mostra imperfecta da realidade. Mais, con todo, creo que estas se achegan aceptablemente ao gozo e a ledicia que se viviu nesa hora e media longa na capital do cocido galego. Intres así compensan o esforzo de traducir e escribir e a dura tarefa que supón hoxe en día ser profesor de secundaria.
Os meus parabéns a Gracia, á súa rapazada lectora e ao @ies.laxeiro, que me fixeron sentir como na casa. Contades comigo sempre para o que precisedes!
Tamén contamos coa visita de Antía Yáñez e o seu libro "Non penses nun elefante rosa", quen dixo:
Foi un pracer o encontro de hoxe. n grupo be xeitoso que dá gusto. Dálles os meus parabéns.