Blogger Template by Blogcrowds.



Este libro publicado en 1931,no principio da modernidade, é un magnífico relato intimista de seis personaxes que se reúnen en distintos momentos das súas vidas. Foi a obra capital do século XX pola súa orixinal beleza en prosa, e a perfección da súa revolucionaria técnica narrativa.

O título desta obra cobra sentido ao saber que esta novela se desenvolve ao compás das ondas da praia. É un libro que sen dúbida é difícil de ler, pola súa complexidade nos seis monólogos interiores, o relato desas seis vidas múltiples e dispares. Aínda que costa lelo, disfrútase polo reflexo dun mesmo nalgún dos personaxes que se mostran. Máis ben semella un poema largo no lugar dunha novela, non é pois nada sinxelo, é moi fácil perderse lendo e require tempo a súa comprensión
Las olas é unha novela profunda e vital, desas que é necesario ás veces ler para recordar que estamos vivos.


O libro trata sobre seis amigos,os cales están unidos polo pensamento nun séptimo integrante deste grupo,chamado Percival.
O obxectivo principal do libro é deixar clara a idea de que a realidade é distinta segundo a mente que a interprete,e que esta se elabora tras pasar por varios filtros e haberlle incorporado inconscientemente unha serie de aditivos.Esta realidade é diferente segundo a mente que a pense,pero tamén según o momento e o estado que atravese o individuo.
No libro de Virginia Woof a realidade está composta polo conxunto das realidades dos seis individuos,por iso esta obra está tan ben considerada,xa que destaca a idea de que si a realidade é subxetiva,tamén o é a de cada individuo.Isto débese a que cada realidade depende da percepción que teñan os demais sobre nós,e tamén da nosa propia percepción,xa que hai moi pouca xente capaz de coñecerse realmente a sí mesmo é de ver nitidamenete o seu propio interior.
Outra caracterítica especial é que esta autora deixa en segundo plano a trama do libro,e dalle máis protagonismo ó subconsciente e a conciencia dos protagonistas,cousas as que non estamos afeitos.

Na miña opinión,este libro é bastante complicado de ler,xa que leva o seu tempo comprendelo e debemos volver atrás en varias ocasións para asimilar as ideas.
Por outra banda,paréceme que a autora ten unha maneira incríble de escribir,moi delicada,xa que é como si os personaxes estivesen recitando poemas ou incluso soñando despertos durante toda a obra,sobre todo cando expresan os seus sentimentos.
En canto os personaxes,paréceme que todos son esenciais,xa que todos aportan algo distinto e especial á obra.
Sobre a organización do libro,dicir que os capítulos están interrumpidos por descripcións da paisaxe dende o amanecer ata o atardecer,simulando as distintas etapas da vida,dende a infancia ata a vellez, o cal me parece fascinante e moi orixinal.

Por último,dicir que este libro é un clásico ó que merece a pena acercarse ,e que todos aqueles que realmente desfruten da lectura deben de ler a esta autora e  toda a súa obra.


Tendo o autor en Lalín, como non comezar cun libro del? Ademais, non só foi unha lectura amena, senón que serviu para investigar sobre a verdade que existe detrás do libro. Falamos co autor, quen nos contou que a idea xurdira precisamente da lectura da noticia nun xornal. Unha historia ben fermosa que moito nos conmoveu!!!





 Con el, podemos saber o que supuxeron e supoñen as reivindicacións feministas e as mulleres que as fixeron posible e que nos levaron ata onde estamos, explicando mesmo cuestións tan básicas como que é o feminismo ou o que este ofrece á sociedade; é un texto sinxelo e divulgativo, pero é un texto de acollida, de iniciación para logo achegarnos a outros textos. Sobre todo, entender que estamos onde estamos grazas a tres séculos de loita e que moito lle debemos a quen estivo aí detrás e que, cando menos, debemos coñecer. A loita do feminismo contra un patriarcado que semella invencible (e invisible) segue, e libros coma este son imprescindibles.

Último libro deste curso, con el despedimos o noso club de lectura, un club que serviu para afianzar o noso gusto pola lectura e para mellorar  no noso nivel de lectoescritura. Estamos satisfeitos co resultado, xa que este alumnado, que en principio non amosaba gran interese pola lectura, agora sente que se achega a ela sen medo e con máis ganas. De feito, sabemos que van coller libros para ler no verán, algo que anteriormente non sucedía. Por tanto, obxectivo cumprido!!!


Para aproximarnos a outras realidades, lemos este libro.
Un libro que tenta abrirnos os ollos á desigualdade entre homes e mulleres na India, un país onde as mulleres non son valoradas. E que ao mesmo tempo axuda a valorar precisamente todo canto temos aquí, coas súas eivas e as súas dificultades.








 O luns 4 de xuño tivemos a última reunión do Club de Lectura deste curso. O libro que lemos nesta ocasión foi “El gran juego” de Carlo Frabetti.
  Aos  alumnos gustoulles moito este libro. Os enigmas, como nos libros anteriores, foi o que lles resultou mais interesante,  tamén lles gustou o feito de que se mesturen  varias  disciplinas na formulación das adiviñas.
  O que pretendía con este libro era facerlles comprender aos alumnos que a Matemáticas axudan a desenvolver un pensamento que lles permitirá resolver problemas moi diversos en materias moi diferentes e  incluso na vida cotiá. Penso que na maioría dos alumnos se conseguiu.
   Para finalizar coas reunións do  Club de Lectura deste ano estivemos lendo relatos matemáticos   escritos por rapaces da súa idade (“Dormido entre números”, “Asesinato matemático”,...). Os alumnos estiveron moi interesados nestes relatos.
Quizais a primeira reunión  do vindeiro curso a comezaremos lendo un relato dun dos membros do noso Club de Lectura!


  
 
novela moi dura que converte a lectura, en ocasións, en límite. A situación é ás veces irrespirable e sentimos a mesma sensación de afogamento que as protagonistas. Dez protagonistas sobre as que destacan dúas, polo que non é unha novela coral xa que a voz vana ter estas dúas mozas, que representan o sufrimento e a humillación á que se ven sometidas todas elas. Pero o carácter delas fará que destaquen. E tamén destacará o lado máis mesquiño do ser humano, a maldade por riba de todo, pero tamén a lealdade, o compañeirismo, a sororidade. E mesmo a necesidade da supervivencia. Sempre me chama a atención este factor, tan visible nos momentos máis nefastos da nosa historia. Sexa como sexa, queremos vivir. Esta será unha parte esencial do libro, a necesidade de sobrevivir.
Pero asemade, o que atopamos é o terror. A degración da muller, brutal. O nexo de unión entre todas elas é un suposto escándalo sexual, o que nos leva a preguntar en se ese é un delito... porque ameazan a homes poderosos. E iso significa que a muller sempre é culpable. Chama a atención a indeterminación das mulleres, porque iso lévanos a pensar que a escritora procuraba precisamente iso, facernos reflexionar que esas poden ser calquera, que a sociedade patriarcal castiga sempre á muller. Unha sociedade patriarcal que nos ten tan "ben" educadas que as propias mulleres tamén nos xulgamos. E esta é a outra parte fundamental da novela: as culpas e os delitos femininos. Os roles. A cosificación da muller e os estigmas que sobre nós caen.

 
 
 Polas súas páxinas paseamos polos sentimentos de varios personaxes que xiran arredor de Aurelio, un home de 90 anos, que garda as súas lembranzas ata que a enfermidade llas rouba. O seu paso polo mundo deixa un ronsel de amor e desamor, de agradecemento e de resentimentos. 




A editora Catro ventos pon á nosa disposición este precioso libro de hai corenta anos no que se fala da diferenza de trato e educación que reciben mulleres e homes. Un libro que data de 1978 presentará, daquela, grandes diferenzas coa nosa sociedade "igualitaria" do 2015. Ou non? Poderemos comprobar como temos avanzado nalgúns campos e como seguimos a sufrir as mulleres discriminacións en moitos eidos. Ogallá existisen grandes diferenzas, pero a realidade é que a nosa sociedade segue a educar de diferente maneira aos fillos e ás fillas; pero sobre todo observamos unha involución temible nos últimos anos. Por iso, este libro do Equipo Plantel con ilustracións de Luci Gutiérrez segue sendo válido para facer reflexionar en familia. A importancia, sempre, da Educación.







  O luns  14 de maio celebramos a terceira reunión do Club de Lectura. O libro que tiñamos para ler nesta ocasión era  El misterio de la isla de Tokland de Joan Manuel Gisbert.
Cando propuxen este libro tivo moi boa aceptación. Despois de lelo os alumnos aseguraron que lles gustara, aínda que houbo partes que se lles fixeron algo arduas e en ocasións un pouco confusas. Despois desta experiencia, recomendo a lectura deste libro pero en cursos máis altos, quizais en 2º ou 3º de ESO.
  O que mais lles gustou do libro foi a resolución dos enigmas, parecéronlles difíciles e moi enxeñosos.
   O que pretendía con este libro é  facerlle ver aos rapaces a importancia de interpretar ben as situacións, explorar as distintas alternativas e reflexionar sobre as posibles solucións, tanto nas matemáticas como na vida cotiá. Tamén quería que entendesen a importancia da constancia e do traballo en equipo á hora de resolver problemas.
   Unha vez mais buscamos na rede opinión doutras persoas e incluso atopamos un xogo baseado no libro!
   A maioría dos membros deste Club de Lectura recomendamos  esta lectura.
   Fixamos a seguinte reunión para o 4 de xuño.


 
 
 Supermujeres superinventoras. Ideas brillantes que transformaron nuestra vida de Sandra Uve : un catálogo ilustrado de máis de 90 inventoras, unha por cada dobre páxina; a ilustración vén acompañada por unha breve biografía que nos informa que fixeron estas mulleres no munda da ciencia. Algunhas coñecerémolas xa polos libros publicados anteriormente con este tema, pero outras resultáronme descoñecidas.
O máis chamativo é o prólogo, onde nos informa a autora do seu traballo de investigación, posto que non lle resultou doado chegar ata todas elas, xa que non hai información nos libros e en Internet non todo é fiable. Sandra Uve lémbranos que había leis que prohibían ás mulleres rexistrar patentes no seu nome, polo que moitas destas están baixo o nome do esposo, e este aproveitaba para quedar co mérito.

“A medida que iba trabajando en el libro, pensaba en esas mujeres, cuyas responsabilidades eran muchas y algunas de ellas poco agradables: tenían que mantener el hogar; cuidar, educar y criar a una familia, a veces con muchos hijos; acudir a las actividades que se consideraban femeninas, permitidas por los hombres, como las reuniones para bordar y coser, los clubes de lectura sobre normas de comportamiento femenino; asistir a la iglesia, etc. Por no hablar del nutrido grupo de emprendedoras que aparecen en este libro, a las que les costó aún más salir adelante y dar de comer a sus hijos, porque se habían quedado viudas y sin capital o incluso con deudas. No hubo ni un día en el que no pensara: pero ¿cuándo y cómo han podido hacer sus inventos? Diseñar un invento es una tarea ardua, costosa y complicada, que en muchos casos necesita años para llevarse a cabo. Y la conclusión que siempre sacaba era que sin duda se trataba de supermujeres”.

 Luns como o comezo, o principio, o primeiro día da semana. E logo? Ir máis alá, avanzando dende a dor. Porque Eli Ríos golpea dende a primeira liña, non deixa risco para evadirse da desesperanza. “Vou morrer” en primeira persoa sen intermediarios nin narradores, nunha novela que doe, nunha protagonista feminina que toma a palabra, bota un pulso, pero a si mesma e de paso a todas nós. "Vou morrer". Dúas palabras que nos acompañan continuamente, que nos deitan unha realidade que desta volta convértese en novela, que nos doen pola proximidade, pola presenza dunha enfermidade que podería atacarnos en calquera momento. Poderiamos ser calquera de nós. A protagonista, unha persoa normal cunha vida normal. Normal? Non é acaso unha superheroína que leva unha vida que nin sequera lle deixa espazo á enfermidade?  Unha muller que non pode enfermar. Non. Ten que seguir a traballar, a coidar dos fillos, da casa. Unha muller que debe seguir sorrindo. E imos descubrindo unha realidade máis atroz, se se pode falar de que hai realidades máis feroces ca un cancro terminal.  Non ter dereito a enfermar, non ter dereito a deixar de sorrir. Hai esperanza nunha vida que remata? Hai amor, amizade, que loite contra a propia dor?


Unha novela que deixa que o lectorado poida descubrir as imperfeccións dunha sociedade que exerce presión sobre as mulleres, unha muller que conta a súa vida desde a súa propia visión, que escribe listas como un xeito de apreixar o tempo, ese que esvara entre os dedos sen percatarnos. 
Cando remata a semana, a vida? Porque o final remata connosco, lectorado que se retrotrae nunha covardía desalentadora. Porque a voz que nos persegue dende esa primeira persoa, que se arrisca e nos arrolla, métenos na dor máis complexa, máis individual e máis social, na carrraxe dun final que preferiríamos que non existise. Nin na ficción nin na realidade. Pero está en ambas.

O 7 de maio volvemos xuntarnos os dous clubs de lectura arredor dun mesmo libro e unha escritora: Eva Mejuto, que veu ao noso instituto para falarnos da necesidade de visibilizar a transexualidade e de tratala con normalidade nas nosas letras, onde había unha ausencia do tema.
Tivemos dous encontros: un co club de lectura de 3º e 4º de ESO e outro co club de lectura de 2º de ESO.










No club de lectura de 4º da ESO estamos a aprender moito sobre Igualdade e Feminismo. Temos tanto para ler! Na última sesión cada integrante pediu ler un libro diferente. Laura Soto escolleu No es país para coños, de Diana López Varela publicado por Península. E falou así:
No es país para coños é unha obra da xoven escritora galega Diana López, probablemente non escoitarades o seu nome ata o de agora, pero estou segura de que algún día será unha distinguida e portentosa escritora, bueno, portentosa xa o é, o que necesita é moito máis recoñecemento.
  O certo é que sen esaxerar dende que lin esta refrescante e rompedora obra feminista a miña vida mudou dalgún xeito. Non sempre fun feminista, de feito tan só hai un par de anos que me intereso por este tema, cousa da cal me avergoño, pero tampouco tivera moita marxe de tempo para saber que persoa quería ser. Pero agora hai unha parte do meu ser que ten clara o que é, e esta é a de ser feminista. 
A verdade é que non creo que este libro intente convencer a ninguén sobre o que ten que ser, simplemente penso que nos responde a todas esas dúbidas que algunhas persoas se poden chegar a plantexar sobre a necesidade dunha sociedade feminista, e tamén contribúe a abrirnos os ollos, xa que nos mostra pequenos detalles que antes podían ser imperceptibles, porén son estos pequenos detalles os que marcan a diferenza entre unha sociedade igualitaria ou non.
   Como dixen antes este libro convertiuse nun símbolo importante para min, porque comecei a ver as cousas doutro xeito moito menos común nesta sociedade de masas. Está claro que a muller sempre é a do carácter brando e que entón cede ás presións ou a aceptar as opinións contrarias con moitísima máis facilidade que os homes. Estas series de prexuízos están totalmente insertados nos cerebros de gran parte da poboación e ata o de agora eu sabía que tanto eses ideais como as persoas que os defendían eran totalmente repugnantes, entón intentaba ser o máis feminista posible, sobre todo co entorno que me rodeaba. Pero logo de ler este libro deime conta de que iso non é suficiente, Diana convídanos a loitar, a manifestarnos, a levantarnos cada día coa cabeza ben alta orgullosas de sermos quen somos, a que ninguén nos mande calar, a que non lle permitamos a ninguén dicirnos que baixemos a voz que así estamos máis guapas, porque non, non queremos nin eu, nin a escritora, nin ti calar, queremos liberdade, e berrar.

   Estou segura de que algún día por sorte, estes libros desaparecerán por moi fermosos que sexan, serán coma un libro contra a escravitude na España de hoxe en día.




Unha reflexión sobre o sistema patriarcal dunha sociedade que indica diferentes xogos, diferentes cores, diferentes costumes... para nenos e nenas. A protagonista do álbum non logra entender a causa desta separación. Nin ela nin nós. Por iso amamos este libro. Porque fala de querernos como somos, de non aceptar etiquetas, de non aceptar os uniformes sociais, de non aceptar que debemos estar cortadxs polo mesmo patrón, senón que debemos respectar as nosas diferenzas e sobre todo debemos chegar a entender que nenos e nenas teñen exactamente os mesmos dereitos. 
Moi interesante o feito de que a ilustración non defina nunca se Pecas é neno ou nena. Un xogo que convida.

O lapis máxico de Malala, de Malala Yousafzai, con ilustracións de Kerascoët : cando un lapis máxico se converte nun de verdade para escribir un mundo novo. Constitúe unha boa iniciativa este álbum para dar a coñecer a figura de Malala á rapazallada máis nova, esa que non sabe que lle aconteceu a unha nena por querer ir á escola, esa que fala das dificultades que nalgúns países existe para aprender (e pensar doutro xeito, por tanto) e a marabillosa sorte que aquí temos por poder ir á escola con normalidade, algo infravalorado por non cuestionarse sequera. Unha nena en Pakistán que quere ter un lapis máxico para deter o tempo... que se converte nun lapis de verdade que escribe e desafía e que é quen de chegar a todo o mundo.

Neste club tamén decidimos "reciclar" lecturas de clubs de anos anteriores, para optimizar os recursos que temos no centro. Tamén escollemos libros que tiveron éxito e gustaron. 
Este libro foi lido o ano anterior: Jordi Sierra introdúcenos nun mundo oculto, ese que ás veces non sabemos ou non queremos ver.



O día 16 de abril celebramos a reunión do Club de Lectura. O libro que eliximos para este
trimestre foi “El asesinato de profesor de matemáticas “ de Jordi Sierra i Fabra.



Eu esperaba que o libro lles gustase, xa tiñan gañas de lelo ao principio de curso, pero o certo
é que me sorprendeu a grande aceptación que tivo.
Na reunión os alumnos falaron do libro con moito entusiasmo, incluso algúns rapaces dixeron
que se identificaban cos protagonistas do libro. Sorprendeume que recordaban a solución de
moitas das probas que aparecen na historia e comentaron que lles resultaba moi gratificante
resolver as adiviñas e problemas antes de que aparecesen resoltos, incluso lles daba rabia que
os protagonistas non desen coa solución daqueles problemas que a eles lles parecían sinxelos.
O mellor do libro, para a maioría, foi o momento da desaparición do profesor e o final do
libro.
O que eu pretendía ao elixir este libro, ademais do propio pracer de ler, era transmitir a idea
de que a vontade, a constancia e a confianza en si mesmos son fundamentais á hora de
afrontar o estudo de calquera materia, e mesmo en calquera situación da súa vida cotiá.
Espero que nalgunha medida isto se conseguira.
Antes de finalizar estivemos vendo na rede opinións doutros rapaces que tamén leron o libro
así como vídeos de alumnos facendo un trailer. Interesoulles ver a compañeiros doutros
centros lendo o mesmo ca eles.
Todos os integrantes do Club de Lectura consideramos este libro moi recomendable.
O próximo libro que leremos será “El misterio de la isla de Tokland”.



Análise da misoxinia moderna



Achegámonos á violencia de xénero de forma poética. Un grupo de 23 escritoras denuncias e amosan as sensacións e consecuencias da violencia patriarcal.



Un dos libros que lemos arredor dun tema preocupante da nosa sociedade é A piragua de Candido Pazó.




A partir do estacionamento dunha piragua nunha praza de garaxe desátase unha polémica nunha comunidade de veciños. A partir disto coñécese a unha serie de personaxes que contan unha historia case cotiá, falando sobre un episodio de maltrato machista.
Contado por un grupo de personaxes alleos á acción, a historia ocorre dun xeito realista e simple, sen datos impresionantes que, aínda que en ocasións reais, farían parecer o acontecemento alleo á realidade. Unha historia que resulta fácil recoñecer no día a día.
Este libro utiliza a piragua como unha metáfora, desenrolada de forma que presenta a dúbida que, a día de hoxe, segue a carrexar moitos problemas: Tradición ou evolución?


Neil Irani é o autor de La niña y el monstruo, ilustrado por Park Yun, publicado pola editorial Juventud. Un álbum sobre o rexeitamento que sentimos cara a nós mesmos, o medo que nos produce que ese mesmo rexeitamento tamén o sintan as outras persoas. É dicir, un libro sobre a autoestima. Unha autoestima que, se cae, impide a normal relación entre as persoas e un illamento social frustrante e deplorable. O álbum, en clave optimista, remata cunha posible solución: que sexan os demais os que se acerquen con naturalidade.




O libro gustou pero menos do esperado, porque case todas as alumnas coinciden en atopalo demasiado "esaxerado", que dá unha visión un pouco excéntrica da actitude dos homes e sobre todo do amor.





Este é un libro que recolle relatos de varias autoras e ilustradoras. Contos curtos inspiradores sobre situacións nas que se encontran as mulleres ou rapazas a diario e as que se teñen que enfrontar. Neles móstrase como as protagonistas se transforman para logra empoderarse.
Cómpre salientar que para min os relatos destacaron todos, tanto pola súa orixinalidade como polos temas que tratan.
Este libro curtiño e cuns relatos apenas de dúas páxinas logrou que espertara en min un gran interese por lelos. Ademais conta cunhas ilustracións magníficas.
Estes relatos paréceme que tratan temas moi interesantes, xa que tratan temas presentes na realidade como que un neno se sente nena, que elas intentan a igualdade ou que queren practicar deportes dos que se din que son para os homes, pero relatados dunha maneira na que resultan entretidos e amenos.
En conclusión, pareceume un gran libro, moi fácil de ler e a súa vez moi fermoso. Recomendaríallo a todos, xa que é un libro para gozar da lectura e a súa vez reflexionar sobre situacións cotiás nas que se encontra a muller a día de hoxe, e polas que debemos loitar para conseguir a igualdade.



El monstruo como monólogo foi gañador do concurso nacional "Sal a escena contra a discriminación" convocado polo Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade.
Con texto de Daniel Martín e ilustracións de Ramón Trigo, está publicado pola editorial Lóguez.
Un álbum imprescindible nos colexios
 

Tamén aproveitando o número de exemplares que tiñamos no centro, lemos estoutro que si gustou máis có anterior, e que novamente chama a atención por esa educación que se quería impartir ás nenas, imposibilidando o seu acceso á educación científica por seren mulleres.




Agustín Fernández Paz non podía faltar no noso club de lectura. Con el viaxamos polo misterio e achegámonos á Guerra Civil.






Esta novela desenvólvese unha tarde na que unha nai e os seus fillos esperan a chegada do seu pai despois dunha xornada de traballo na que el cerraría un importante contrato de ascenso. Para celebralo, a súa muller prepara o prato preferido do pai, mexillóns. Pero este non chega e a tensión empeza a poderarse dos presentes, facendo así que comece unha rebeldía liberadora pola vida a que estaban sometidos polo ausente.
Este libro é capaz de expresar a angustia que as personaxes desprenden dende a voz da nena, é complexo, ambicioso e dotado dunha forza arrolladora.

Achegarnos ao machismo da man dos labores da casa e dunha metáfora moi útil.


Un álbum para empoderar as nenas


Proponnos Raquel Díaz Reguera en Cuando las niñas vuelan alto publicado por Lumen o empoderamento das nenas, a forza necesaria para sermos o que nós queiramos ser, sen impedírnolo polo mero feito de nacer mulleres. Por iso, debemos tirar as pedras que polo camiños as diferentes trampas sociais nos van poñendo, e seguir o noso camiño igual de lixeiras. Porque temos os mesmos dereitos, porque podemos chegar a onde queiramos, loitemos por facer os nosos soños de futuro realidade. Iso é o que aspiramos.

Publicacións máis recentes Publicacións máis antigas Inicio