Blogger Template by Blogcrowds.






Despedímonos por este curso. Parecía mentira cando empezamos,  pero fomos quen de gozar e compartir  con moitas lecturas. Para todos nós era unha viaxe nova, e incluso sabemos que algúns pensaban que os alumnos de diversificación non eramos bos candidatos para esta viaxe.  Seguro que agora xa perderon ese prexuízo, somos tan lectores coma calquera e este club é a proba.
            Lemos e seguiremos lendo. Agora temos un criterio propio e ata nos atrevemos a recomendar lecturas: mirade na nosa bolsa de libros que seguro que temos algo para vós. Porque estas bolsas que hoxe portamos non son só unha obra de arte senón que achegan novas aventuras e desafíos para pasar o verán. Grazas aos rapaces de 1º da ESO polo magnífico traballo realizado decorándoas. Se queres unha, pasa pola nosa biblioteca: regálanse a todos os que buscamos libros emocionantes para o verán.
Pasade un bo verán acompañados sempre dunha boa lectura!

Seguindo o ronsel do curso, o club de lectura comandado por Hortensia Román quere recomendar as lecturas preferidas de cada un deles. Ademais das lecturas en común,  fixeron lecturas individuais que se transformaron en compartidas. Este foi o resultado deste terceiro trimestre lector:



Queremos felicitar a este alumnado e a súa profesora por tantas lecturas compartidas.



Durante o mes de maio lemos As viaxes de Gulliver do autor irlandés Jonathan Swift, na adaptación de Martin Jenkins, en Vicens Vivens. Antes de empezar a lectura buscamos información sobre o autor e o impacto desta obra no momento de publicación no seu tempo.  Esta actividade resultou especialmente interesante e enriquecedora xa que nos levou a discutir sobre a crenza tan estendida de que As Viaxes de Gulliver é unha lectura infantil.
            Coa lectura por partes descubrimos como  cada unha das catro viaxes que realiza Gulliver representa unha parte corrupta de Inglaterra e como o libro é unha critica ao goberno, á sociedade, á ciencia e á relixión . Nada máis actual e menos infantil! Lendo e comentando a novela, fomos vendo como o libro non é só unha historia dun xigante ou un ser diminuto como pensabamos a priori, chegando incluso a resultar unha lectura complicada por momentos. A dificultade para establecer o contexto histórico e social foi un dos problemas que fomos solucionando ao longo da lectura grazas á agradable prosa de Swift.
            Esta foi a última lectura en común do noso club e, como podedes ver na foto, decidimos  intercambiar os últimos pareceres sobre o libro ao redor duns  chocolates e zumes na cafetería do centro.


Publicacións máis recentes Publicacións máis antigas Inicio