Blogger Template by Blogcrowds.



Para falar do escritor de Boston, que outro relato se pode escoller? Que outro conto pode a “O gato negro” sombra facerlle? Ningún, non escribiu Poe outra historia coma esta, ningunha tanta fama lle procurou. Mais non debemos esquecer unha cousa, aínda que “O gato negro” foi o relato que gravou a Poe na historia do terror na literatura, é obrigado recordar que foi o poema “O corvo” a obra que fixo que Poe comezase a ser escoitado e lido.

Mais deixemos as divagacións e centrémonos no relato, na magnífica historia que o autor nos deixou para a posteridade. “O gato negro” é a perfecta fusión das dúas clases de terror que tan fermosamente sabía Poe manexar; por un lado temos o terror psicolóxico encarnado na degradación mental do protagonista e polo outro lado podemos ver o terror máis sobrenatural na figura do gato negro mais este último tipo de horror móstrase dunha maneira sutil e discreta, mediante pequenos sucesos que de por si mesmos no teñen nada de extraordinario pero que, polas súas implicacións, toman un carácter terrorífico.

É especialmente destacable a construción da narrativa como se dunha orquestra se tratase, pode este parecer un símil sen sentido mais todo unha sinxela explicación ten; polo que sabemos, o protagonista era unha persoa normal que ata os feitos que se contan, non tivera problema algún coa súa psique, mais pouco a pouco vai descendendo, empuxado polos elementos que se van engadindo á súa vida, nun pozo de loucura que o acaba por consumir rematando todo nun final apoteótico e sobrenatural. Por se aínda non é clara a similitude, debemos considerar a seguinte escena, imaxinemos unha orquestra (de música clásica) que está a tocar unha peza na que primeiro comezan os violíns, logo engádense o violonchelos, logo os trombóns e así ata que todos os instrumentos tocan rematando a peza nunha explosión de son sen igual. Coido que logo desta explicación, o símil inicial sexa sen dificultade algunha entendido e comprendido.

En conclusión, “O gato negro” é unha das maiores obras de arte que Poe creou. Cunha brillante estrutura e unha moi excelente narrativa, este relato deixa o sangue xeado ao xogar maxistralmente co que é real e o que podería selo.

0 Comments:

Post a Comment



Publicación máis recente Publicación máis antiga Inicio