Blogger Template by Blogcrowds.


Achegarse ao verdadeiro horror da Segunda Guerra Mundial.


No último mes dedicámonos por completo ao pracer da lectura, obviamente, relacionada coas MAtemáticas, pero gozando dun libro que cremos marabilloso e que resulta adictivo para calquera posible lector ou lectora. Aínda así, detiñámonos de cando en vez para explicar algúns aspectos matemáticos pero a lectura fíxose fluída e amena. Toda unha experiencia lectora!


Para traballar sobre o Proxecta que levamos a cabo relacionado con este club, "Donas de si" lemos Mujeres, manzanas y matemáticas de Xaro Nomdedeu Moreno, un libro que nos introduce no universo feminino matemático, tocando figuras case descoñecidas para o público en xeral e que non tiveron a notoriedade histórica que merecían polo feito de seren mulleres. De aí a importancia deste tipo de lecturas que dan a coñecer ao noso alumnado aquelas figuras femininas ocultas pola sociedade patriarcal na que vivimos e que agora debemos ir desvelando pouco a pouco co noso traballo.


Xenofobia e inmigración.


Xa coñeciamos a Ledicia Costas como narradora, e mesmo a coñecemos en persoa o curso pasado neste centro, e coincidimos en que nos gusta moito lela. Agora descubrímola como poeta, e non defrauda tampouco. Esta escritora é un portento! Desta volta "atacamos" o seu libro Xardín de inverno que publica Everest. Ademais, os poemas veñen acompañados por fotografías marabillosas de Daniel Puente Bello que fan que o libro sexa unha pequena alfaia.



Un canto á ausencia que poboa un xardín, unha ausencia-inventario daquilo que amamos e non está e por iso manca, e manca rebelándonos, non laiándonos, porque Ledicia non chora, prende unha candea na alma do lector para lembrar unha infancia segura que se esvae. Uns versos que conmoven e que nos falan de tristura e esperanzas a un tempo. Reconstrúe a autora unha intimidade infantil que decide partillar con tod@s nós para agasallarnos cun xardín fértil de figuras familiares, perdas e ausencia que poboan coma carballos libérrimos un bosque de luces e sombras que artellan poemas intensos.


Nun dos grupos do club de lecturas ilustradas animámonos a ler este libro que publica Vicens Vives na súa colección "Cucaña. Biografías". O texto é de Paola Capriolo e as ilustracións de Tha. 
Con este libro aprendemos a biografía da heroína Rosa Parks e a súa loita pacífica contra as desigualdades, profundando na súa vida, da que nada sabiamos. Resultou unha lectura moi interesante que nos  deu pé para falar das desigualdades sociais e das inxustizas que os humanos aceptamos e cometemos.

 No club de lecturas científicas comezamos neste terceiro trimestre con este libro de  Vicente Muñoz Puelles que publica a editorial Anaya:






Como introdución ao libro vimos esta presentación e falamos da viaxe que durou 5 anos a bordo do famoso Beagle, barco da Armada Británica.
Como el dicía que o home descende do mono, chegaron a ridiculizalo e publicaron imaxes del co corpo dun mono e a súa cabeza.





Un relato que conta a historia dunha familia constituída por un rato que domina a muller; pero cando ocorre unha catástrofe é a femia quen dá a solución aos problemas, a que dirixe a situación e entón cando o lector ou a lectora comprende que o rato era puro fume; ou sexa, desvalorízase a figura paterna para pór en valor a materna. Unha vez máis, o libro serve para amosarnos a desigualdade existente na realización das tarefas domésticas e as responsabilidades da vida cotiá.


Desta volta xuntámonos o día 30 de abril tres clubs de lectura arredor de Señal, de Raúl Vacas: o club de lectura de poesía do IES Laxeiro, o club de lectura de igualdade do mesmo centro e o club de adultos. Toda unha experiencia estética arredor dun libro de poemas e arredor dunha persoa única. Tan intensa foi que nos esquecemos de realizar fotografías.

Señal está publicado pola editorial Mundanalrüido e conta cunhas magníficas ilustracións de Sara Morante, diálogo perfecto co texto. Dividida en tres partes, cada unha dela aborda os tres grandes temas da Literatura, o amor, a morte e a vida.
Sobre o amor e o sexo, lemos imaxes cargadas de sensacións, de cor, unha introdución fresca ao impulso sexual e audacia no ronsel da paixón. O contraste entre o que foi intenso e xa non o é, o baleiro, a morte do amor que foi... O mundo unifícase en torno a un ser simbólico. Apreciamos tamén a entrega total do ser amado máis alá da vida, "amor máis alá da morte" como en Quevedo. O amor na vellice é permanecer xuntos na hecatombe final, entrañable final feliz dos contos que celebran o encontro amoroso.
Na segunda parte, a voz poética pregúntase como explicar o inexplicable, ás veces ocorre o máis terrible, existe unha procura infructuosa que condena os amantes á morte, aínda que o amor case a vence; pero hai que aprender a afastarse cando hai un erro, cando queda o baleiro despois do amor, non hai lugar para enterrar as bágoas.
Na terceira e última parte, a morte. A soidade, a terra baleira, a incertidume, a obstinación por regresar. Lemos tamén o retorno á absoluta laxitude do gozo uterino, previo á vida humana; mesmo unha exposición de hipóteses e desexos. No baleiro amoroso medran a morte e a devastación, unha loita de contrarios no propio ou alleo sexo.

Raúl Vacas falounos de que é necesaria a visión literaria para falar de morte e de sexo, temas que na vida cotiá ocúltanse nas conversas. Tamén comentou como influíran os seus autores preferidos na escrita deste libro: Alejandra Pizarnik, Dámaso Alonso, Rafael Pérez Estrada, Rafael Alberti, Leopoldo Panero... O libro está feito á súa medida, por ser o seu proxecto máis persoal. Afástase da rima e de estruturas métricas, xa que non hai límites á hora de escribir.
Falou tamén da poesía en xeral. De que non hai que traducir de xeito literal cada verso, xa que o poema o que quere é transmitir sentimentos. Non cómpre entendelo todo, só debemos dialogar coa poesía: "ha hecho mucho daño la solemnidad en poesía"; poesía como invitación a vivir, con intensidades diferentes, a recuperar, a xogar.
E por suposto, comentou tamén a falta de palabras para falar de amor, de sexo, da pouca naturalidade coa que se tratan temas como o da morte.
LER TEN QUE VER CON ELIXIR.



No club de lecturas científicas achegámonos a este libro que fomos lendo nas reunións para ilo comentando, dado o tema a tratar. É unha guía para comezar a adolescencia, que conta con información precisa e experta que ofrecen consellos. Aínda que algúns temas a tratar semellan obvios ou xa están superados -ou iso cremos- resultou ser unha lectura moi práctica que nos introduciu no noso propio mundo.




No trimestre negro do instituto non podiamos ser menos, e achegámonos a este libro dun galego, Miguel Anxo Fernández.





Este mes seguimos coas lecturas pola Igualdade. Esta é unha historia sobre unha tribo moi singular onde as bonobas andan ocupadísimas para que eles coman e pasen o día sen nada que facer. Tanto traballaban que non tiñan dereito a aprender... o que aprendían con só escoitar. Pero, iso si, sen dereitos. E como todo cansa, as bonobas decidiron reberlarse e cambiar de vida.
Un álbum que constiúe un fermoso alegato reivindicativo do papel loitador da muller, superando unha sociedade machista que establece límites absurdos sobre os roles de ambos sexos: unha socidade machista que se permite establecer o destino de cadaquén sen preguntar nin respectar.

E seguimos! É o turno de:



 Agora máis ca nunca volvemos ter unha educación machista e rosa, unha volta atrás a etapas que as mulleres criamos superadas. Non só a publicidade, senón a política, a sociedade actual, volve a tinguirnos de rosa, a desexarnos un só futuro: amas de casa e princesas. Por iso libros coma este son tan necesarios.
Porque semella que a involución que estamos a sufrir non importa a ninguén. Inculcar ás nenas que deben coidar do fogar e da súa figura, esquecéndose de toda forma de emancipación, é arestora algo natural. Os xoguetes son rosas. A roupa é rosa. O pensamento é rosa... E hai miles de libros de cor rosa. E esta tonalidade plantéxase como unha opción cando é unha imposición. Sen autonomía, dende o berce, as nenas son educadas e encamiñadas nun pensamento único e colonial.


No segundo trimestre lemos El teorema del loro, unha historia de intriga matemática para resolver un enigma. A actividade realízase do mesmo xeito que na primeira avaliación, xa que o alumnado de 4º de ESO necesita as oportunas explicacións para seguir a lectura deste libro que vén a ser máis complicado có primeiro do primeiro trimestre.

No mes de marzo, non podía ser doutro xeito, buscamos álbums sobre a igualdade. Por suposto, un dos escollidos non podía ser outro ca este, Mujeres de Isabel Ruíz, todo un descubrimento:



18 mulleres -difícil tivo de ser a escolla- que forman parte da historia por mérito propio e que moitas veces son esquecidas por seren, simplemente, mulleres: Hipatia, Concepción Arenal, Marie Curie, Florence Nightingale, María Montessori, Alice Guy-Blaché, Isadora Duncan, Virginia Woolf, Clara Campoamor, Amelia Mary Earhart, Margaret Bourke-White, Frida Kahlo, Hellen Keller, Dian Fossey, Rosa Parks, Gertrude Ederle, Irena Sendler e Miriam Makeba. Ou sexa, temos mulleres poetas, pintoras, científicas, políticas...
As ilustracións van acompañadas dunha frase nas que falan de si mesmas, do seu xeito de ver o mundo, da lección de vida que supón a súa propia loita. Asemade, unhas notas biográficas para sabermos a quen temos en cada páxina.
Un proxecto que loita por visibilizar aquelas que son invisibles nesta nosa sociedade patriarcal.

Publicacións máis recentes Publicacións máis antigas Inicio