Albert Camus… O filósofo do absurdo… Un dos últimos grandes pensadores da humanidade é o autor desta obra que tan magnífica se mostra ante os meus ollos. A crítica contra a moral tan fermosa e poética que percorre toda a obra non deixa de mostrar perfectamente e con inmensa claridade a sociedade na que estamos a vivir; unha sociedade na que o individuo non importa e na que se impón unha moral xeral sen sentido e sen verdadeiros valores para regular ata o máis mínimo aspecto da vida privada.
Non é Meursault a vítima en toda esta historia? Non é el o único incapaz de resignarse ante a monotonía da vida, ante as convencións sociais? Certo é que os cargos por asasinato son innegables, pero o seu xuízo non é só por matar a un home, tamén se está a xulgar a súa vida, o seu comportamento e a súa indiferenza cunha existencia aburrida e controlada ata o máis mínimo detalle pola sociedade.
Camus representa neste antiheroe a apatía que nace da angustia existencial propia de alguén que, ironicamente, é igual á sociedade na que vive e carece de valores pois xa nada lle importa. Mais polo menos Meursault non se agocha detrás de hipócritas máscaras que fixen sentimentos para ser aceptados nunha masa babélica e monstruosa na cal todo é regulado e controlado.
En conclusión, “O Estranxeiro” é unha obra magnífica que, dada a súa curta duración, permite ser lida nunha tarde pero que nas súas poucas follas garda moitas ideas e moitas críticas mordaces que serven para defender ao individuo e atacar á unha sociedade gris e infame.
0 Comments:
Publicación máis recente Publicación máis antiga Inicio
Subscribe to:
Publicar comentarios (Atom)