Blogger Template by Blogcrowds.



A primeira novela de terror segundo moitos estudosos… Que se pode dicir dela que non se teña dito xa? Que novidades pode a miña voz aportar se xa non quedan novas apreciacións por facer? Quizais o único que me quede por facer sexa dar a miña opinión obviando o que poida desta coincidir co que xa se teña dito.

Primeiramente, é o meu deber admitir que Frankenstein non se atopa entre as miñas lecturas favoritas aínda que o seu argumento fose innovador para a época e o seu legado no campo do terror e da ciencia ficción sexa innegable. A pesar de non contar co meu enteiro favor, a historia segue a parecer ante os meus ollos como o traballo dunha imaxinación portentosa e viva que non dubidou e explorar os límites da narrativa do momento para traer unha novela que abandonase os castelos tétricos, as pantasmas e as maldicións para centrarse na ciencia e nos seus alcances.

A evolución dos personaxes principais tamén é moi destacable; a caída en desgraza de Víctor Frankenstein, o responsable de traer ao mundo a aberración que o atormentará ata o final dos seus días. O home obsesionase coa creación da vida e consegue o seu obxectivo de creala de maneira artificial mais a un alto prezo; o seu tormento en vida. As evolucións do carácter deste personaxe durante toda a novela son de gran importancia e aparecen perfectamente detalladas dotándoas así Shelley de moita verosimilitude. Non é unha coincidencia, por outra banda, que o segundo título do libro sexa “O moderno Prometeo”; de xeito similar ao do personaxe mitolóxico, a ambición acabou por destruír a Frankenstein.

Polo outro lado, temos ao personaxe que pasou á cultura popular e superou á propia novela, o monstro o cal non recibe nome en toda a novela. Tal bestia nace dos esforzos de Frankenstein por crear vida más alá da morte e remata por adquirir razón e conciencia de si mesmo. Mais, para a súa tristura, todos os seus contactos coa raza humana teñen un desgraciado resultado e isto acaba por volvelo cruel. Mais este ser só quere amor e para iso demándalle ao seu creador, como responsable seu que é, que a súa pena calme, que cre unha muller para el, para amala; a cambio do amor, a criatura deixará de atormentar ao home. Aínda así, Frankenstein non cumpre o acordado e a situación convértese nunha tolemia.

A modo de remate, só podo concluír cunha frase: “Frankenstein ou o moderno Prometeo” foi unha obra revolucionaria e de impresionante calidade mais que non acadou o meu corazón; non descansa pois ao lado de “Drácula” ou “O horror de Dunwich” entre outras obras.

0 Comments:

Post a Comment



Publicación máis recente Publicación máis antiga Inicio